xoves, 17 de decembro de 2015

Desconvocan a folga na limpeza do Chuvi despois de que a empresa se comprometese a contratar máis persoal

Acciona, concesionaria do servizo, fará 11 novos contratos indefinidos a tempo completo e catro a tempo parcial
Os traballadores/as do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) decidiron esta mañá en asemblea desconvocar a folga indefinida despois de que a empresa se comprometese a contratar máis persoal. Acciona, concesionaria do servizo, fará 11 novos contratos indefinidos a tempo completo e catro a tempo parcial e mecanizará a recollida de residuos sólidos.
2015 12 16 AsembleaDesconvocatoriaFolgaLimpezaChuvi01
A folga indefinida promovida por CIG, CCOO e CGT quedou desconvocada a partir das 8.45 horas da mañá, cando os empregados/as de Acciona decidiron en asemblea celebrada no hospital Álvaro Cunqueiro asinar o preacordo pactado entre a dirección e o comité. Dende a federación de Servizos da central nacionalista valoraron moi positivamente o resultado das conversas porque suporá un incremento do persoal, e por conseguinte a redución da excesiva carga de traballo que padecían os empregados/as.
Deste xeito, a empresa terá que realizar 11 novas contratacións indefinidas a tempo completo, ademais de catro a tempo parcial que cubrirán as ausencias do persoal. Das 11 persoas que serán contratadas a tempo parcial, catro irán destinadas a reforzar a área de hospitalización, dúas ás áreas críticas de UCI, REAS, e quirófanos e outras dúas para a quenda de tarde. Ao mesmo tempo, a empresa levará a cabo a mecanización da recollida de residuos sólidos.
A acordo tamén contempla a creación dun grupo de traballo conxunto con representación da parte social e da empresarial que será o encargado de avaliar e de facer un seguimento dos postos de traballo e dos rendementos. A súa posta en funcionamento será inmediata, ao igual que o inicio das contratacións.
Ademais, a empresa comprométese a poñer a disposición dos traballadores/as cursos de formación en prevención de riscos laborais no ámbito hospitalario, así como cursos de técnicas de limpeza hospitalaria. Tamén se realizarán reunións periódicas da estrutura de mandos para unificar criterios organizativos orientados á mellora do servizo e xuntanzas empresa-comité para valorar o cumprimento do acordo e mellorar a comunicación entre as partes.
Finalmente, pactouse a elaboración do cadrante anual de traballo e libranzas para conseguir un incremento mínimo de tres presenzas diarias co obxectivo de reforzar a quenda de noite e que haxa sempre tres traballadores/as como mínimo.

sábado, 12 de decembro de 2015

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA
ORDE do 26 de novembro de 2015 pola que se regula o exercicio de dereito ao voto das persoas traballadoras por conta allea nas eleccións xerais ao Congreso e ao Senado convocadas para o día 20 de decembro de 2015, polo Real decreto 977/2015, do 26 de outubro, de disolución do Congreso dos Deputados e do Senado e de convocatoria de eleccións.
Convocadas eleccións xerais ao Congreso e ao Senado para o 20 de decembro de 2015, mediante o Real decreto 977/2015, do 26 de outubro, de disolución do Congreso dos Deputados e do Senado e de convocatoria de eleccións (BOE nº 257, do 27 de outubro), e ao abeiro do artigo 37.3.d) do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, cómpre regular na Comunidade Autónoma de Galicia as diversas situacións que se poidan presentar para o exercicio do dereito ao voto daqueles traballadores e traballadoras que non gocen do seu descanso semanal o día da votación, así como das persoas que interveñen dentro do proceso electoral, posto que as eleccións terán lugar en domingo, todo isto de conformidade co disposto no artigo 13 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais.
Para este fin, e logo do acordo co delegado do Goberno de Galicia,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as normas que serán de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia, o día das eleccións o domingo 20 de decembro de 2015, ás persoas traballadoras por conta allea que teñan a condición de electoras e non gocen, durante ese día, do descanso semanal previsto no artigo 37.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e a aquelas persoas en que concorra a condición de membros de mesas electorais, interventores e interventoras ou apoderados e apoderadas.
Artigo 2. Permisos para as persoas traballadoras por conta allea electoras
1. Para que as persoas traballadoras por conta allea poidan participar nas eleccións xerais ao Congreso e ao Senado que se levarán a cabo o domingo 20 de decembro de 2015, no suposto de que non gocen en tal data de descanso semanal, terán un permiso retribuído correspondente, consonte as seguintes prescricións:
a) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que non coincida co de apertura de mesas electorais, ou que coincida nun período inferior a dúas horas, non terán dereito a permiso retribuído.
b) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que coincida en dúas ou máis horas e menos de catro co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de dúas horas.
c) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que coincida en catro ou máis horas e menos de seis co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de tres horas.
d) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que coincida en seis ou máis horas co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de catro horas.
2. En todos os supostos anteriores, cando por tratarse de persoas traballadoras contratadas a tempo parcial realizasen unha xornada inferior á habitual na actividade, a duración do permiso antes sinalado se reducirá en proporción á relación entre a xornada de traballo que desenvolven e a xornada habitual das persoas traballadoras contratadas a tempo completo na mesma empresa.
3. Corresponde ao empresario ou empresaria a distribución, consonte a organización do traballo, do período en que as persoas traballadoras disporán de permiso para acudir a votar.
Artigo 3. Permiso para votar por correo
No suposto de persoas traballadoras por conta allea que teñan previsto que na data da votación non se atopen na localidade onde lles corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poidan exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporán, no seu horario laboral, de ata catro horas libres, de igual maneira que o establecido no artigo anterior, para que poidan formular persoalmente a solicitude do certificado de inscrición no censo, así como para efectuar a remisión do voto por correo.
Artigo 4. Permisos para os membros das mesas electorais
1. As persoas traballadoras por conta allea nomeadas presidente/a ou vogal das mesas electorais e as que acrediten a súa condición de interventoras disporán, durante o día da votación, dun permiso retribuído de xornada completa, se non gozan en tal data de descanso semanal, e terán dereito a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior, segundo os artigos 28.1 e 78.4 da Lei orgánica 5/1985, do réxime electoral xeral.
2. Se algún dos traballadores e traballadoras a que se refire o parágrafo anterior tiver que traballar na quenda de noite na data inmediatamente anterior ao día da votación, a empresa cambiaralle a quenda para que poida descansar esa noite.
Artigo 5. Permisos para persoas traballadoras coa condición de apoderadas
As persoas traballadoras por conta allea que acrediten a súa condición de apoderadas, de acordo co previsto no artigo 76.4 da Lei orgánica do réxime electoral xeral, teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non gozan en tal data do descanso semanal.
Artigo 6. Xustificación
Os empresarios e empresarias poderán solicitar das persoas traballadoras que exerzan os dereitos regulados na presente orde a certificación de voto ou, de ser o caso, a acreditación da mesa electoral.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2015
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

martes, 1 de decembro de 2015

Analisís da Teoría da Estupidez....

Imos analizar a teoría da estupidez que o sindicato UNENF publicou no seu Facebook:
Cando falan de que os estúpidos forman parte dun grupo de catro, xunto cos intelixentes, desgraciados e malvados, nos falamos do conxunto onde se inclúen os ignorantes, egoístas, insolidarios e cobardes. ¿Como identificalos? É moi sinxelo:

Son aquelas persoas que viven no seu mundo corporativista e clasista, onde eles son os intelixentes mentres que os demais son os estúpidos, malvados e desgraciados. O peor é que aínda non se deron conta de que eles son os ignorantes, egoístas, insolidarios e covardes, e que só buscan defender seus propios intereses sen importarlles ninguén e sendo incapaces de defender e loitar polos dereitos de todos/as.

Imos analizar a súa traxectoria como traballadores/as e, actualmente, como membros do Comité de Empresa:

1.       No ano 2013, a Dirección do Hospital Povisa aplica unha redución de xornada de 35 horas para enfermeiras/os, auxiliares, e celadores nas áreas de Quirófano, UCI, Dixestivo, Policlínicas do hospital … etc.
CIG, xunto co resto do Comité de Empresa, presentou denuncia no Xulgado, gañada tanto en Vigo como no TSX. Esta sentenza obrigou á empresa a repoñer ás 40 horas aos/as traballadores/as afectados/as. ¿Que decidiu facer a maioría dos/as enfermeiros/as do Servizo de Quirófano? Renunciar á xornada de 40 horas e asinar a redución de xornada de 35 horas  a cambio dunha compensación económica (que a terían coa xornada de 40 horas) sempre e cando cumpran uns obxectivos marcados pola empresa, tales como a mobilidade interna e dispoñibilidade, flexibilidade de xornada e horaria, respecto á imaxe corporativa e aos valores empresariais, colaboración na sustentabilidade do hospital, eficiencia do proxecto do hospital … Todos sabemos o que isto significa.

¿Que pasou coas enfermeiras que non renunciaron a súa xornada de 40 horas? Algunhas foron enviadas ás plantas (despois de moitos anos no Servizo de Quirófano). As que permaneceron no Servizo quedaron traballando de luns a venres no Quirófano e os fins de semana en hospitalización. Iso sí, coa cabeza moi alta e dándolle ao resto una lección de dignidade. Os dereitos laborais hai que defendelos, nunca cedelos.

As consecuencias destas reducións de xornada foron:
. A desaparición da presenza de celadores no servizo de Quirófano, polo que despiden a 10 traballadores de este colectivo.
. As auxiliares teñen que asumir (por orde dos mandos superiores) as función dos celadores despedidos.
. Para poder cumprir os obxectivos as/os enfermeiras/os de Quirófano que pactaron coa empresa teñen que facer funcións de celadores, auxiliares …, e do que faga falla.
O máis grave de todo isto é que co seu comportamento danlle a razón a empresa, que xustifica nos xulgados as modificacións das condicións laborais e as xornadas de 35  horas, manifestando sempre que non necesitan traballadores/as con xornada de 40 horas, xa que en Povisa hai moitas “horas mortas”.

Parece que en vez de traballar nun hospital traballáramos nunha fábrica de parafusos.

2.       UNENF fala de que non defendemos os rateos de persoal. ¿Como podedes falar de rateos? ¡Que valor tedes cando vos mesmos defendedes as xornadas de 35 horas!
CIG denunciou os rateos de persoal en todas as negociacións coa dirección do hospital, nas reunións co Sergas, Xunta, Consellería de Sanidade, partidos políticos, Defensor  do Pobo …, pedindo sempre que foran os mesmos rateos polos que se rexen na sanidade pública.

3.       Falades sempre de que non nos preocupa o paro en Enfermaría … ¡Claro que nos preocupa! … pero non só en Enfermaría, tamén nas auxiliares, celadores, administrativos, hostalaría, limpeza, na construción, en servizos, no naval, etc.
¿Como podedes falar de paro cando tedes dos membros do Comité de Empresa “pluriempregados”? Por un lado está Josué a xornada completa no hospital e polas tardes traballa na Mutua Asepeyo, e por outro a Pablo a xornada completa no hospital e dando clases na Escola de Enfermaría. ¿Así é como loitades contra o paro? Pouco vos importan os enfermeiros/as que están na rúa sen traballo. Tedes una maneira moi egoísta de loitar polos/as traballadores/as.

4.       Falades de que non fixemos nada polas prazas das universidades, a desigualdade salarial… Hai que dicir que a vosa ignorancia é moi atrevida. O goberno do PP, coa súa política de recortes e a súa reforma laboral trouxo como consecuencia paro, desigualdade salarial, perda de dereitos laborais e moito máis. CIG participou activamente en contra desta política: fixo e segue a facer denuncias, manifestacións, folgas, concentracións …, e segue loitando en todos os ámbitos de traballo para defender os dereitos de todos/as traballadores/as, mentres que algúns da UNENF só defendedes os vosos intereses.

E, para rematar, afirmar que SÍ, CIG é un sindicato de clase. Estamos orgullosos de formar parte da clase traballadora, orgullosos de vocear (como dicides vos) porque grazas aos que voceamos, aos que saímos á rúa, aos que denunciamos o que pasa nas nosas empresas, aínda a risco de que nos sancionen ou despidan (como xa o fixeron), todos vos os beneficiades do conseguido por nos ata agora.

E sodes vos os ignorantes, egoístas, insolidarios e covardes, pactando e chegando a acordos individuais coa dirección, renunciando ao que temos no Convenio Colectivo.


¿É así como ides loitar polos dereitos de todos/as traballadores/as do noso hospital?