martes, 13 de decembro de 2016

Adiantar a saída do traballo ás 18 horas para conciliar: unha medida de márqueting político irreal e insuficiente

A Secretaría da Muller denuncia a hipocrisía dun goberno que mantén medidas tan lesivas para a clase traballadora como a reforma laboral


O anuncio da Ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, anunciando que buscará un Pacto de Estado para a conciliación e a racionalización dos horarios de xeito que a xornada laboral finalice ás 18 horas, pode parecer positivo e necesario, xa que é unha demanda  sostida no tempo pola nosa central sindical. Mais é insuficiente e pouco realista, tendo en conta a situación actual das relacións laborais.
Desde a CIG denúnciase a hipocrisía e a incoherencia por parte do mesmo goberno que mantén en vigor leis tan lesivas para os dereitos das traballadoras e dos traballadores como é a reforma laboral, a reforma das pensións, a lei mordaza ou os recortes en servizos públicos, en dependencia e igualdade de oportunidades para as mulleres e os homes.
Fálase dun pacto social, cando a patronal pode distribuír de xeito unilateral até o 10% da xornada laboral anual
 Falar dun pacto social que adiante a saída do traballo ás 18 horas cando a meirande parte das traballadoras e dos traballadores realizan máis horas que as estipuladas na súa xornada laboral ou cando a patronal pode distribuír unilateralmente até o 10% da xornada laboral anual, semella imposibilitar o diálogo.
Xunto a isto non hai que perder de vista que en boa parte das empresas deste país persiste unha cultura empresarial que concibe como un custe económico importante o feito de aplicar políticas de conciliación e medidas flexibilizadoras do tempo do traballo e que a maior parte das solicitudes de redución de xornada por coidado son denegadas pola patronal ou obteñen como resposta unha situación de persecución e acoso laboral.
Aínda hoxe segue a ser dominante unha cultura empresarial que prima a presenza física no lugar de traballo en vez da consecución dos obxectivos e existe un mal emprego das tecnoloxías, que aínda seguen a ser empregadas ao servizo da produción e non ao servizo das persoas.
O traballo segue a ser o centro sobre o cal xiran os horarios das persoas
O traballo segue a ser o centro sobre o cal xiran os horarios das persoas, derivando todo isto nunha sensación de falta de control persoal da xestión do propio tempo, o cal leva consigo desigualdades entre mulleres e homes.
A proposta non parece ir conectada con medidas de corresponsabilidade
Asemade, a proposta de flexibilizar a xornada laboral para conciliar mellor o tempo destinado ao traballo asalariado e o traballo de coidados e do fogar, non parece ir conectada con medidas de corresponsabilidade dirixidas a que o peso dos coidados non siga a recaer de xeito maioritario nas                                                                          mulleres.
Desde a CIG levamos anos alertando da maquillaxe que supón implantar fórmulas de flexibilidade laboral xa que, normalmente, agochan o impacto de xénero, sen ter en conta, por exemplo, que as mulleres son maioritarias no mercado laboral e no desempeño de traballos a tempo parcial, e dado que o que se flexibiliza non é a xornada senón as condicións laborais e, en definitiva, os seus dereitos.
Xornadas laborais extensivas e non intensivas
A concepción europea de traballar só até ás 17h, tendo o resto do tempo libre para gozalo na esfera persoal, contrasta coa realidade do noso país, que amosa, na práctica, xornadas laborais que comezan ás 8:30h ou as 9h, fan un parón para xantar ás 13h ou 13:30h, retoman a actividade ás 16h e rematan ás 20h ou 21h. Isto, sen entrar a valorar os horarios das grandes superficies comerciais, ou da hostalería, a apertura en festivos, etc.
Non se realiza un esforzo institucional serio e decidido por ires ás orixes do problema da conciliación
 As xornadas laborais que existen en Galiza son extensivas e non intensivas. Estas xornadas prolongadas prexudican a calidade de vida do persoal e non son rendíbeis para as empresas. Por iso consideramos que ás traballadoras e aos traballadores se lles debería valorar polos resultados, xa que as horas de presenza non garanten unha maior eficiencia.
A isto hai que sumarlle que as políticas de conciliación postas en marcha até o de agora non foron acompañadas dun gasto público suficiente. A pesar das melloras lexislativas, non se ten realizado un esforzo institucional serio e decidido por ires até as orixes do problema da conciliación, como son as desigualdades sociais e culturais dentro e fóra do ámbito doméstico.
A problemática da conciliación constitúe un serio problema para os traballadores e as traballadoras -fundamentalmente para estas- que se tratou de afrontar desenvolvendo estratexias diversas de carácter privado, sustentadas principalmente na rede familiar.
Unha proposta que contrasta coas políticas de recortes impostas polo PP
Estas estratexias paliaron de algún modo uns efectos que aínda así foron moi lesivos para a clase traballadora, como os derivados dos recortes realizados polo goberno do PP no investimento público, que provocaron o deterioro dos servizos e a destrución de emprego; ou a posta en marcha dunha reforma laboral aínda vixente que facilitou máis o despedimento e a redución dos salarios, que precarizou e desregulou as condicións de traballo, que fomentou o uso de contratos lixo de formación e aprendizaxe até os 30 anos, que permitiu que foran as empresas e non as persoas as que estabelezan os criterios para a concreción horaria da redución de xornada por coidado, atendendo a necesidades produtivas e organizativas, e que limitou que esta redución se realizase só na xornada diaria.
O PP non aplicou a ampliación a 4 semanas do permiso de paternidade nin a duración da prestación de maternidade
 Efectos dun goberno que aprobou orzamentos que non contemplaron o acordo de ampliación a 4 semanas do permiso de paternidade (que debería de ser unha realidade dende hai anos), nin a ampliación da duración da prestación de maternidade actual ou do permiso de lactación, claramente insuficiente; que conlevou a conxelación dos salarios do sector público; ou a moratoria na posta en marcha da lei de dependencia.
O mesmo partido político que anuncia o pacto social nesta materia respondeu á folga xeral arroupada de xeito masivo polos traballadores e traballadoras, con recortes no gasto público social no ensino público (aumentando o rateo do alumnado por aula, despedindo ao profesorado e autorizando a suba das matrículas universitarias), e instaurando o re- pago ou co- pago farmacéutico cunha decisión inxusta e antisocial que afectou sobre todo ao colectivo de pensionistas, e por tanto, sobre todo ás viúvas.
Mais ningunha das medidas que puxeron en marcha daquela obtivo o preceptivo informe de impacto de xénero, cuestión que denunciamos unha e outra vez en cada un dos exercicios.
Implantar unha xornada laboral máxima de 35 horas semanais
Se realmente o goberno quere reverter a situación debe dar os pasos que sexan precisos para proceder á derrogación da reforma laboral, que vaia parello a unha nova lexislación laboral e social que nos restitúa nos dereitos perdidos como consecuencia das contrarreformas, e nos favoreza en dereitos e regulacións novas que melloren as nosas condicións de vida e de traballo e nos fortalezan como clase diante do capital.
Racionalizar os horarios de traballo debe ir parella á redución da xornada máxima laboral a 35h semanais
 A proposta de racionalizar os horarios de traballo debe ir parella á redución da xornada máxima laboral a 35 horas semanais, como medida de reparto do traballo, favorecendo a seguridade e a estabilidade no emprego, así como a asunción de responsabilidades familiares en igualdade.
A CIG mantén a reivindicación estratéxica de facer realidade un Marco Galego de Relacións Laborais e Sociais con plenas competencias en materia lexislativa, normativa e de regulación da participación do mundo do traballo en Galiza. Nese marco, estaríamos en condicións de formular propostas ao respecto da racionalización dos horarios, algunhas das cales xa foron transmitidas pola nos central ao Parlamento Galego.
Secretaría da Muller da CIG
Decembro 2016

domingo, 4 de decembro de 2016

Desconvocan a folga no comercio de alimentación de Pontevedra tras introducir melloras no convenio


A patronal desiste finalmente da súa intención de conxelar a antigüidade e de eliminar a promoción profesional


Vigo-Pontevedra - 

As multitudinarias asembleas de traballadores/as do comercio de alimentación de Pontevedra celebradas hoxe en Vigo e Pontevedra decidiron finalmente desconvocar as dúas xornadas de folga previstas no sector para os vindeiros días 5 e 7 tras un acordo coa patronal que introduce importantes melloras no convenio. A representación sindical valora o feito de que as empresas desistan da súa intención de conxelar a antigüidade e de eliminar a promoción profesional, ademais de salientar que a subida salarial pactada atinxe o 5% en catro anos.

A decisión de desconvocar as dúas xornadas de folga no sector do comercio de alimentación previstas para o luns 5 e o mércores 7 de decembro foi adoptada hoxe en asemblea por centos de empregados/as do sector tras analizar a contraoferta achegada pola patronal. No caso de Vigo a decisión tomouse por unanimidade, mentres que en Pontevedra foi por unha ampla maioría. Nas asembleas participaron representantes da CIG, CCOO, UGT e USO.

Dende a CIG-Servizos -que conta co 39% da representación no sector- sinalan que a importancia do acordo radica en que non se tocan ningún dos dereitos dos que gozaba o persoal do sector, ao tempo que se amplían as melloras. Así, a principal conquista ten que ver coa antigüidade, que a patronal pretendía conxelar e que finalmente quedará como até o de agora. Tampouco se elimina a promoción profesional como querían as empresas, mentres que no caso de incapacidade temporal os traballadores/as cobrarán o 100% (a patronal pretendía introducir rebaixas neste concepto).

Segundo explica a secretaria comarcal da federación en Vigo, Transi Fernández, outras das melloras son o incremento do descanso diario en cinco minutos, que as vacacións poden ser gozadas do 1 de xuño ao 30 de setembro e até 16 días seguidos polo persoal de todas as tendas (até o de agora había traballadores/as en tendas situadas na costa que non tiñan vacacións no verán).

Tamén se establecen tres días de asuntos propios en xustificar, o permiso de lactancia increméntase en dous días, a garda legal pasa de 10 a 14 días, as excedencias maternais pasan de 0 a 5 anos e a conciliación por parentes de dous a tres anos.
Finalmente, a subida salarial que se recolle atinxe a un 5% en toda a vixencia do convenio, que terá unha duración de catro anos e non de cinco como pretendía a patronal. Ademais, auméntanse todos os pluses, incluíndo o de antigüidade.

O paro aumentou en Galiza en novembro máis do triple que no Estado

No noso país hai 203.554 persoas rexistradas no Servizo Público de Emprego


O paro medrou en Galiza no mes de novembro máis do triple que no conxunto do Estado español, até alcanzar as 203.554 persoas rexistradas no Servizo Público de Emprego. O noso país foi a terceira comunidade onde máis se incrementou, xa que a subida atinxiu o 2,32% con respecto a outubro (fronte ao 0,66% da media estatal).
A evolución do paro rexistrado no mes de novembro sitúa a Galiza nunha situación preocupante no que o mercado laboral se refire xa que non só medra o desemprego -algo habitual nestas datas-, senón que o fai nunha porcentaxe máis elevada con respecto a anos anteriores. Ademais, a subida e tres veces e medio máis que o incremento contabilizado no conxunto do Estado.
Deste xeito, o número de persoas paradas en Galiza situouse en 203.554, un 2,32% superior ao mes de outubro. Pola contra, na media estatal o medre foi do 0,66%. 
      En Galiza o paro       medrou en todos         os sectores
A análise por sectores tamén amosa un comportamento máis negativo en todos eles.
 No conxunto do Estado a industria e a construción experimentaron un descenso do desemprego, mentres que unicamente o sector servizos tivo unha evolución negativa; en Galiza medrou en todos os sectores, sendo o maior incremento no sector servizos (un 2,65% máis); tanto a industria, cunha subida do 1,68%, como a construción, cun 1,47% máis de parados/as, rexistraron comportamentos moi preocupantes.
Inutilidade das reformas laborais
A pesar deste evolución de medre do desemprego e de caída da afiliación o número de contratos rexistrados alcanzou os 76.080 en Galiza, dos que tan só o 7,9% foron de carácter indefinido. Isto evidencia a elevada rotación e a escasa duración dos contratos para un número importante de traballadores/as, que se manteñen no mercado de traballo nunha situación moi precaria. Os datos de afiliación á Seguridade Social veñen confirmar esta grave situación, xa que de media descendeu en 3009 persoas no noso país durante o mes pasado.
Diante disto, o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Miguel Malvido, insiste en que se confirma unha vez máis a inutilidade das reformas laborais aplicadas polo PSOE e o PP para xerar emprego e para que este sexa de calidade. “A precariedade do mercado laboral galego non deixa de medrar, e xa temos case un 92% de contratos temporais”.
Diante disto, sostén que son posíbeis outras receitas para recuperar o mercado laboral e lembra que a central presentou unha Iniciativa Lexislativa Popular que contiña 100 medidas para o crecemento económico e o emprego que foi tombada no Parlamento cos votos do PP.