martes, 27 de maio de 2014

Afíliate, porque con máis CIG ti es máis forte!


Faise preciso incrementar a base afiliativa e reforzar a presenza da CIG nos centros de traballo se queremos avanzar cara a nunha saída á crise favorábel para a clase traballadora galega. Sendo máis afiliados e afiliadas na CIG temos máis forza para combater as reformas laborais, os recortes e perdas de dereitos, a destrución de emprego, o empobrecemento dos salarios, o retroceso nas condicións laborais, etc.
Canta máis CIG, canta máis e mellor organización, máis capacidade de organización para loitar, e polo tanto, máis capacidade de camiñar cara a soberanía nacional de Galiza como expresión da consecución dos obxectivos de emancipación da clase obreira galega.
Con esta campaña de afiliación reforzamos a nosa independencia económica como única forma de garantir o proxecto sindical da CIG, que dende o seu nacemento dá unha resposta combativa e representa unha alternativa real ao capitalismo. A independencia económica permitiunos ser o que somos e manter a coherencia na defensa da clase traballadora galega. 

Servizos de apoio á acción sindical 
Para apoio da nosa acción sindical e para unha mellor defensa dos intereses da clase traballadora galega, creamos todo un conxunto de servizos e mecanismos que podemos resumir nos seguintes:
-O departamento de servizos xurídicos, que cobre todo tipo de asesoramento e defensa en casos de despedimentos, reclamación de cantidades, vacacións, xornada laboral, pensións, prestacións por desemprego, etc, sendo totalmente gratuíto este servizo a partir de levar cinco anos afiliado/a. 
-Os departamentos de asesoramento económico, laboral e de igualdade, que cobren todo tipo de asesoramento en materia de informes para ERES, descolgues de convenios, economía social, plans e políticas de igualdade e conciliación, informes sobre novas ordes, decretos ou leis, etc. Totalmente gratuíto.
-O departamento de formación profesional, que a través dun convenio coa fundación FORGA leva anos impartindo cursos de formación, nos nosos propios centros, nos que se formaron miles de traballadores/as, con fondos públicos e de forma totalmente gratuíta.
-O Plan de Axuda Alimentaria Solidario da CIG, creado nos últimos tempos coas achegas solidarias da afiliación para dar apoio a todos aqueles afiliados/as que como consecuencia da crise teñen dificultades para poder cubrir as necesidades máis básicas de alimentación. Somos a única central sindical en Galiza que temos operativo este servizo de axuda á afiliación. 
-A Caixa de Resistencia, de apoio en caso de folga, posibilitando que os afiliados/as, que levan máis de tres meses de afiliación á central sindical, poidan cobrar até o equivalente do salario mínimo interprofesional, a partir do cuarto día de folga, este incluído, compensando así unha parte importante do salario perdido como consecuencia da folga. Este mecanismo tenlle servido até hoxe a moitos compañeiros/as afiliados/as para aguantaren a folga na súa empresa e permitirlle así gañar o conflito fronte á patronal. Somos a única central sindical en Galiza que temos operativo este servizo de apoio á afiliación. 

Para informarte e afiliarte 
-Ponte en contacto coa representación sindical da CIG na túa empresa.
-Chama por teléfono ou envía un correo electrónico ao local da CIG máis próximo ao teu enderezo.
-Descarga a folla de afiliación da páxina web da CIG, cúbrea e envíaa ao local da CIG ou entrégalla á representación sindical da CIG no teu centro de traballo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario