mércores, 4 de xuño de 2014

Povisa obtivo 1.300.00 euros máis de beneficios en 2012 que o ano anterior a custo de recortar en calidade asistencial

O comité de empresa reuniuse na tarde deste mércores coa consellaría para pedir información sobre o concerto e denunciar o deterioro na atención ás/aos doentes
Esta tarde celebrábase en Compostela unha xuntanza entre o comité de empresa de Povisa e a consellaría de Sanidade. Unha xuntanza que foi concedida, malia estar solicitada desde hai tempo, porque o Valedor do Pobo, no seu informe, incluíu que o SERGAS, ademais de reunirse coa empresa, tiña que facelo tamén co comité.
Segundo explicou María Xesús Neira, presidenta do comité e representante da CIG, o último escrito presentado solicitando xuntanza data do mes de abril, pero até de agora non houbo resposta.
O Comité pretende, con esta xuntanza, obter da consellaría información a respecto de como vai o concerto SERGAS-Povisa, como están afectando os recortes que se veñen facendo na empresa aos doentes: redución de persoal, redución de xornadas, cambio das equipas de traballo, mais tamén dar conta de que como está repercutindo todo isto na calidade asistencial.
Neira lembrou que o Informe do Valedor do Pobo di que hai máis de 6.000 queixas presentadas onde se fala da falta de persoal. “Por iso queremos que nos digan tamén que se vai facer respecto diso, porque nese informe díselle á consellaría que ten que facer unha investigación no hospital falando coas/os doentes, coas/os traballadoras/es, e ver cales son os resultados”.
O Informe do Valedor incluía tamén que ademais de reunirse coa empresa, a consellaría tiña que reunirse co comité para coñecer tamén a súa valoración a respecto de como están repercutindo eses recortes. “Temos as quendas do persoal, temos as franxas horarias, onde diminúe considerabelmente o número de auxiliares e celadores/as e iso é o que está a ocorrer realmente no hospital”.
A presidenta do comité de empresa denunciou ademais que segundo o informe económico do ano 2012, que veñen de recibir,  Povisa gañou respecto do ano anterior 1.300.000 euros máis. “Ou sexa, que está obtendo beneficios a custo de recortes para os doentes”.
O comité está ademais pendente da celebración dun xuízo tras da presentación dunha denuncia no xulgado pola modificación das condicións laborais das/os traballadoras/es. Unha modificación á que procedeu Povisa logo de terlle sido recoñecido ao persoal, por sentenza xudicial, a xornada de 40 horas e non a redución de xornada que lle impuxo a empresa.
Segundo explicou Neira, a consecuencia desta sentenza Povisa procedeu a cambiar ao persoal de servizos pasando a planta a quen estaba en quirófanos, rehabilitación ou policlínicas e impor xornadas de fin de semana cando antes non as tiñan.
Falta de transparencia
O comité de empresa denunciou tamén a falta de transparencia da consellaría, que os chamou dúas horas antes da xuntanza para recriminarlles que tiveran convocado á prensa antes da xuntanza. “Parécenos unha falta de todo. Nós sempre a convocamos á prensa para informala de cal é a nosa posición, se pedimos reunión coa consellaría, coa Xunta, coa delegación de traballo ou con quen sexa”, dixo a presidenta do comité.
A isto engadiu que “non entendemos as razóns polas que agora teñen tanto problema de que falemos coa prensa. Parecénos que hai falta de transparencia e non sei que hai que ocultar aquí para que non poidamos falar libremente”.
Neira lembrou que, ademais a consellaría “cando quere saca todo tipo de noticias sobre o Hospital Povisa sen consultar nada cos membros do comité de empresa. Todo o que sabemos de como vai o concerto é pola prensa, non é nin pola conselleira, nin polo hospital. Polo tanto, non hai nada que ocultar e o que haxa que dicir témolo que saber tanto os membros do comité como os/as usuarios/as”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario