venres, 29 de maio de 2015

A CIG volve ser a forza máis votada nas eleccións sindicais celebradas no hospital Povisa de Vigo

A central nacionalista logrou seis delegados/as no comité de empresa
A CIG volveu gañar as eleccións sindicais celebradas no hospital Povisa de Vigo, sendo a forza máis votada cun total de 275 votos. Deste xeito, a central nacionalista contará con seis representantes no comité de empresa do centro médico privado.
2015 05 29 CandidaturaEleccionsSindicaisCIGPovisa
As eleccións sindicais celebradas onte no hospital vigués Povisa volveron rexistrar unha vitoria da CIG, que con 275 votos foi a forza máis votada, por diante do sindicato médico Omega, con 213 apoios. Así, a central contará con seis representantes no comité de empresa, por cinco de Omega.
A continuación situouse CCOO con 193 sufraxios e catro delegados/as, os mesmos que o sindicato de enfermeiros/as Unenf, aínda que con 176 votos. A coalición entre a CGT e o SGPS sumou 147 apoios e tres representantes, mentres que a USO logrou 54 votos e un delegado/a. A UGT, con 23 sufraxios, fica sen representación.
Por colexios, a CIG logrou tres delegados/as en cada un deles (técnicos/as e administrativos/as e especialistas e non cualificados/as), mentres que tanto Omega como Unenf conseguiron os seus representantes unicamente no colexio de técnicos/as e administrativos/as.
CCOO tamén repartiu a súa representación con dous delegados/as en cada colexio e a coalición CGT-SGPS logou un en técnicos/as e dous en especialistas. Deste último colexio tamén saíu o representante da USO.
Finalmente, dende a CIG agradeceron o apoio recibido por parte dos empregados/as do hospital e reiteraron que seguirán a opoñerse a que se negocie un convenio colectivo distinto para o persoal fixo e para o eventual. “A nosa aposta é por un convenio digno único para todos os traballadores/as”, rematan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario