xoves, 20 de outubro de 2016

Diferenzas entre partido político e sindicato

É unha pena que Barrio Sésamo desaparecese, xa que hoxe viríanos de fábula una das aclaradoras explicacións de Coco para coñecer a diferenza entre lonxe e preto, arriba e abaixo, partido e sindicato.

Como non atopei o vídeo no que Coco explica esta diferenza, tento lembralo e transcribilo:

- O partido político é unha organización que aglutina a xente cun obxectivo compartido.
- O partido político busca o poder presentándose a eleccións, para desde o poder poñer en práctica o seu programa (o seu modelo de sociedade).
- O sindicato é unha organización de traballadores e traballadoras (parte vulnerable da relación salarial) que conscientes dos seus intereses comúns fronte aos intereses do capital (o poder) organízanse colectivamente para defenderse do poder.
- O sindicato preséntase a eleccións sindicais para conseguir delegados e delegadas. Gañando eleccións sindicais non se consegue o poder. É tarefa destes e estas delegadas conseguir poder colectivo para constituírse en contrapoder do capital.

- A lexitimidade o partido conséguea coa representación obtida nas eleccións.
- A lexitimidade o sindicato conséguea coa representación obtida nas eleccións sindicais e coa súa afiliación.
- A lexitimidade obtida polo partido úsaa para tentar conseguir leis e para crear opinión. Se o partido está na oposición tenta desgastar ao goberno, e se está no goberno tenta vender o mellor posible o que fai.
- A lexitimidade obtida polo sindicato úsaa para tentar conseguir leis (Negociación Colectiva) e para crear opinión e influír nas decisións dos gobernos. E parece que é aquí onde pode comezar a confusión:
- O sindicato é unha organización de clase, que como un partido, tamén ten un modelo de sociedade, dado que as condicións de traballo e de vida dos e as traballadoras non só se xogan nas empresas, se non que tamén se xogan na rúa. O sindicato fai unha lectura da realidade, de toda a realidade, desde a perspectiva da clase traballadora, e loita por máis democracia, máis xustiza, máis igualdade, máis soberanía, máis sustentabilidade.
- Repito que os partidos buscan implementar o seu modelo de sociedade chegando ao poder, desde o goberno.
- O sindicato tenta organizar e mobilizar un contrapoder que faga presión suficiente ao goberno (maior presión que a que fai o capital e os seus lobbys) para que as decisións que tome, estea quen estea, sexa o partido que sexa, sexan o máis favorable posible á clase traballadora.

Conclusión: os partidos e os sindicatos son dúas organizacións diferentes, ambos son necesarios, que funcionan de forma diferente. Os partidos teñen lexitimidade para falar do que crean conveniente (mesmo de emprego, negociación colectiva, salarios), e non por iso ten que presentarse a eleccións sindicais (por que a súa lexitimade obtéñena nas eleccións ao parlamento, ou á deputación, ou ao concello). E os sindicatos teñen lexitimidade para falar do que crean conveniente (mesmo de fiscalidade, grandes infraestruturas, prestacións sociais, servizos públicos), e non por facelo teñen que presentarse a eleccións; e non por facelo están a apoiar a un partido ou outro. O reto é moito máis esixente que favorecer a un partido ou outro. O reto é, como dixen, construír un contrapoder colectivo (en alianza con outros movementos sociais e coa economía social e solidaria) que consiga un mundo mellor, no que a sustentabilidade da vida póñase no centro. Iso só con que chegue un partido ao goberno non se consegue.

Ningún comentario:

Publicar un comentario