mércores, 24 de decembro de 2014


A dirección do hospital Povisa anuncia duros axustes laborais ao cadro de persoal para 2015 a pesar de obter beneficios

O comité enviará cartas a Feijóo, conselleira de Sanidade e xerente do Sergas para que investiguen o destinos dos fondos públicos que recibe o centro médico vigués.
O comité de empresa de Povisa compareceu hoxe en rolda de prensa para explicar os duros axustes laborais para o ano 2015 que vén de anunciarlle a dirección do hospital vigués e pesar de pechar o exercicio económico con beneficios. Diante disto, anuncian que remitiranlle escritos ao presidente da Xunta, á conselleira de Sanidade e ao xerente do Sergas para que investiguen o destinos dos fondos públicos que recibe o centro médico.
2014 12 23 RoldaPrensaAxustesLaboraisPovisa01
Os representantes dos traballadores/as explicaron que hai 10 días foron convocados pola empresa para facilitarlles a información económica que levaban tempo reclamando e que se viu obrigada a entregar a requerimento da Inspección de Traballo. Nesa xuntanza, na que participou o propio conselleiro delegado da compañía, a dirección recoñeceu que Povisa tivo 11 millóns de euros de beneficio e que o Sergas aínda lle adebeda 19 millóns polo incremento da actividade entre os anos 2005 e 2008.
“Falaron tamén do concerto do Sergas, que agora parece ser que non é tan bo como venderon, xa que din que perderon 4000 usuarios/as”, indican. De feito, explican que o conselleiro delegado chegou a comparar a empresa co Titanic, para asegurar que os que “menos perigo corren” son os membros da dirección, a continuación os traballadores/as que poden recolocarse no Chuvi, depois os integrantes do comité e por último estarían o resto de empregados/as.
Asegurou tamén que o convenio colectivo “é unha lousa” e insistíu en que o concerto “non é tan bo”, todo iso antes de anunciar que en breve nos convocará o comité para detalle unha serie de medidas que vai adoptar a empresa, como son a amortización de postos de traballo “baleiros de contido”; a modificación de quendas, horarios e funcións; a externalización de servizos; e a negociación dun novo convenio.
Dende o comité lembran que o concerto do Sergas está vinculado ao mantemento do emprego e sosteñen que Povisa ten carga de traballo para 10 anos. “Diante disto, enviaremos cartas a Feijóo, á conselleira de Sanidade e ao xerente do Sergas para que investiguen a onde van parar os cartos públicos que recibe o centro médico".
Finalmente, criticaron que dos 1390 traballadores/as que compoñen o cadro de persoal, arredor de 500 teñen reducida a súa xornada laboral.

Ningún comentario:

Publicar un comentario