xoves, 17 de decembro de 2015

Desconvocan a folga na limpeza do Chuvi despois de que a empresa se comprometese a contratar máis persoal

Acciona, concesionaria do servizo, fará 11 novos contratos indefinidos a tempo completo e catro a tempo parcial
Os traballadores/as do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) decidiron esta mañá en asemblea desconvocar a folga indefinida despois de que a empresa se comprometese a contratar máis persoal. Acciona, concesionaria do servizo, fará 11 novos contratos indefinidos a tempo completo e catro a tempo parcial e mecanizará a recollida de residuos sólidos.
2015 12 16 AsembleaDesconvocatoriaFolgaLimpezaChuvi01
A folga indefinida promovida por CIG, CCOO e CGT quedou desconvocada a partir das 8.45 horas da mañá, cando os empregados/as de Acciona decidiron en asemblea celebrada no hospital Álvaro Cunqueiro asinar o preacordo pactado entre a dirección e o comité. Dende a federación de Servizos da central nacionalista valoraron moi positivamente o resultado das conversas porque suporá un incremento do persoal, e por conseguinte a redución da excesiva carga de traballo que padecían os empregados/as.
Deste xeito, a empresa terá que realizar 11 novas contratacións indefinidas a tempo completo, ademais de catro a tempo parcial que cubrirán as ausencias do persoal. Das 11 persoas que serán contratadas a tempo parcial, catro irán destinadas a reforzar a área de hospitalización, dúas ás áreas críticas de UCI, REAS, e quirófanos e outras dúas para a quenda de tarde. Ao mesmo tempo, a empresa levará a cabo a mecanización da recollida de residuos sólidos.
A acordo tamén contempla a creación dun grupo de traballo conxunto con representación da parte social e da empresarial que será o encargado de avaliar e de facer un seguimento dos postos de traballo e dos rendementos. A súa posta en funcionamento será inmediata, ao igual que o inicio das contratacións.
Ademais, a empresa comprométese a poñer a disposición dos traballadores/as cursos de formación en prevención de riscos laborais no ámbito hospitalario, así como cursos de técnicas de limpeza hospitalaria. Tamén se realizarán reunións periódicas da estrutura de mandos para unificar criterios organizativos orientados á mellora do servizo e xuntanzas empresa-comité para valorar o cumprimento do acordo e mellorar a comunicación entre as partes.
Finalmente, pactouse a elaboración do cadrante anual de traballo e libranzas para conseguir un incremento mínimo de tres presenzas diarias co obxectivo de reforzar a quenda de noite e que haxa sempre tres traballadores/as como mínimo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario