martes, 1 de decembro de 2015

Analisís da Teoría da Estupidez....

Imos analizar a teoría da estupidez que o sindicato UNENF publicou no seu Facebook:
Cando falan de que os estúpidos forman parte dun grupo de catro, xunto cos intelixentes, desgraciados e malvados, nos falamos do conxunto onde se inclúen os ignorantes, egoístas, insolidarios e cobardes. ¿Como identificalos? É moi sinxelo:

Son aquelas persoas que viven no seu mundo corporativista e clasista, onde eles son os intelixentes mentres que os demais son os estúpidos, malvados e desgraciados. O peor é que aínda non se deron conta de que eles son os ignorantes, egoístas, insolidarios e covardes, e que só buscan defender seus propios intereses sen importarlles ninguén e sendo incapaces de defender e loitar polos dereitos de todos/as.

Imos analizar a súa traxectoria como traballadores/as e, actualmente, como membros do Comité de Empresa:

1.       No ano 2013, a Dirección do Hospital Povisa aplica unha redución de xornada de 35 horas para enfermeiras/os, auxiliares, e celadores nas áreas de Quirófano, UCI, Dixestivo, Policlínicas do hospital … etc.
CIG, xunto co resto do Comité de Empresa, presentou denuncia no Xulgado, gañada tanto en Vigo como no TSX. Esta sentenza obrigou á empresa a repoñer ás 40 horas aos/as traballadores/as afectados/as. ¿Que decidiu facer a maioría dos/as enfermeiros/as do Servizo de Quirófano? Renunciar á xornada de 40 horas e asinar a redución de xornada de 35 horas  a cambio dunha compensación económica (que a terían coa xornada de 40 horas) sempre e cando cumpran uns obxectivos marcados pola empresa, tales como a mobilidade interna e dispoñibilidade, flexibilidade de xornada e horaria, respecto á imaxe corporativa e aos valores empresariais, colaboración na sustentabilidade do hospital, eficiencia do proxecto do hospital … Todos sabemos o que isto significa.

¿Que pasou coas enfermeiras que non renunciaron a súa xornada de 40 horas? Algunhas foron enviadas ás plantas (despois de moitos anos no Servizo de Quirófano). As que permaneceron no Servizo quedaron traballando de luns a venres no Quirófano e os fins de semana en hospitalización. Iso sí, coa cabeza moi alta e dándolle ao resto una lección de dignidade. Os dereitos laborais hai que defendelos, nunca cedelos.

As consecuencias destas reducións de xornada foron:
. A desaparición da presenza de celadores no servizo de Quirófano, polo que despiden a 10 traballadores de este colectivo.
. As auxiliares teñen que asumir (por orde dos mandos superiores) as función dos celadores despedidos.
. Para poder cumprir os obxectivos as/os enfermeiras/os de Quirófano que pactaron coa empresa teñen que facer funcións de celadores, auxiliares …, e do que faga falla.
O máis grave de todo isto é que co seu comportamento danlle a razón a empresa, que xustifica nos xulgados as modificacións das condicións laborais e as xornadas de 35  horas, manifestando sempre que non necesitan traballadores/as con xornada de 40 horas, xa que en Povisa hai moitas “horas mortas”.

Parece que en vez de traballar nun hospital traballáramos nunha fábrica de parafusos.

2.       UNENF fala de que non defendemos os rateos de persoal. ¿Como podedes falar de rateos? ¡Que valor tedes cando vos mesmos defendedes as xornadas de 35 horas!
CIG denunciou os rateos de persoal en todas as negociacións coa dirección do hospital, nas reunións co Sergas, Xunta, Consellería de Sanidade, partidos políticos, Defensor  do Pobo …, pedindo sempre que foran os mesmos rateos polos que se rexen na sanidade pública.

3.       Falades sempre de que non nos preocupa o paro en Enfermaría … ¡Claro que nos preocupa! … pero non só en Enfermaría, tamén nas auxiliares, celadores, administrativos, hostalaría, limpeza, na construción, en servizos, no naval, etc.
¿Como podedes falar de paro cando tedes dos membros do Comité de Empresa “pluriempregados”? Por un lado está Josué a xornada completa no hospital e polas tardes traballa na Mutua Asepeyo, e por outro a Pablo a xornada completa no hospital e dando clases na Escola de Enfermaría. ¿Así é como loitades contra o paro? Pouco vos importan os enfermeiros/as que están na rúa sen traballo. Tedes una maneira moi egoísta de loitar polos/as traballadores/as.

4.       Falades de que non fixemos nada polas prazas das universidades, a desigualdade salarial… Hai que dicir que a vosa ignorancia é moi atrevida. O goberno do PP, coa súa política de recortes e a súa reforma laboral trouxo como consecuencia paro, desigualdade salarial, perda de dereitos laborais e moito máis. CIG participou activamente en contra desta política: fixo e segue a facer denuncias, manifestacións, folgas, concentracións …, e segue loitando en todos os ámbitos de traballo para defender os dereitos de todos/as traballadores/as, mentres que algúns da UNENF só defendedes os vosos intereses.

E, para rematar, afirmar que SÍ, CIG é un sindicato de clase. Estamos orgullosos de formar parte da clase traballadora, orgullosos de vocear (como dicides vos) porque grazas aos que voceamos, aos que saímos á rúa, aos que denunciamos o que pasa nas nosas empresas, aínda a risco de que nos sancionen ou despidan (como xa o fixeron), todos vos os beneficiades do conseguido por nos ata agora.

E sodes vos os ignorantes, egoístas, insolidarios e covardes, pactando e chegando a acordos individuais coa dirección, renunciando ao que temos no Convenio Colectivo.


¿É así como ides loitar polos dereitos de todos/as traballadores/as do noso hospital?

Ningún comentario:

Publicar un comentario