luns, 19 de xaneiro de 2015

A CIG rexeita o ERE e a modificación das condicións de traballo que vén de anunciar a dirección de Povisa

A central denuncia que o centro médico vigués segue a despedir e a precarizar emprego a pesar de obter 11 millóns de beneficios en 2013
Responsábeis da CIG-Saúde, coa secretaria nacional, María Xosé Abuín, á cabeza, compareceron esta mañá xunto a mebros do comité de empresa de Povisa para rexeitar o ERE e a modificación das condicións de traballo que vén de anunciar a dirección do hospital vigués. Dende a central nacionalista lembran que o centro médico obtivo 11 millóns de euros de beneficios grazas ao concerto co Sergas e que aínda está pendente de ingresar 19 millóns máis polo incremento de actividade.
2015 01 19 RoldaPrensaEREPovisa01
Os representantes da federación de Saúde da CIG e do comité de empresa de Povisa ofreceron unha rolda de prensa esta mañá para amosar a súa posición contraria ao anuncio que vén de facer a dirección do hospital vigués segundo o que nos vindeiros días presentará un ERE e modificará substancialmente as condicións de traballo do cadro de persoal.
Dende a central nacionalista explican tras a comunicación da empresa a semana pasada, hoxe mesmo tivo lugar a constitución da mesa negociadora , mentres que para o xoves está prevista a primeira xuntanza coa empresa, “onde se supón que xa nos van trasladar pos detalles do ERE e das modificacións das condicións de traballo”.
A presidenta do comité, María Xesús Neira, da CIG, criticou o feito de que a decisión chegue catro meses despois de que asinasen un concerto co Sergas “que teoricamente garantía a estabilidade económica e laboral” e que se produza cando a empresa vén de obter 11 millóns de euros de beneficios e aínda está pendente de ingresar 19 millóns máis polo incremento de actividade entre os anos 2005 e 2008.
“E isto a pesar de que o centro tivo redución de pacientes, pois segundo nos confirmaron (sen aportar datos) a mediados de decembro solicitaran o cambio de hospital un total de 4500 persoas”, indica. Segundo manifestou, detrás destes abandonos agóchase o feito de que a xente está a percibir a precariedade coa que os traballadores/as do centro teñen que desenvolver o seu labor.
Diante disto, adiantou que a central oporase ao ERE á modificación das condicións e fará todo o posíbel porque finalmente non se cheguen a aplicar “xa que consideramos que o ERE é unha chantaxe coa que pretenden cargarse o actual convenio colectivo para que os novos/as traballadores/as entren en peores condicións”.
Finalmente, dirixiuse ao presidente da Xunta para lembrarlle que é o responsábel de velar pola correcta utilización dos cartos públicos, en resposta ás delaracións de Feijóo nas que eludía calquera responsabilidade sobre o xeito que ten a dirección de Povisa de xestionar o centro médico.
Desmantelamento da sanidade pública
Pola súa banda, a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, quixo deixar claro que a central nacionalista non vai permitir que a Xunta continúe a “discriminar” a veciñanza de Vigo e o persoal da sanidade pública e rexeitou a política do Sergas de “culpabilizar os profesionais e a poboación dos problemas sanitarios”.
Neste senso, rexeitou a política de desmantelamento da sanidade pública e de precarización do emprego que está a aplicar o Goberno galego e denunciou que mentres o Goberno galego incrementa os cartos que lle dá a Povisa a dirección do hospital continúa a despedir a a precarizar as condicións laborais do persoal.
“A Xunta debe de intervir e pedirlle explicacións a Povisa, xa que hai un mes solicitámoslle información ao Xerente do Sergas e díxonos que o concerto estaba vinculado ao mantemento do emprego”. Para rematar, Abuín fixo un chamamento á cidadanía para que se mobilice en defensa da sanidade pública porque “o problema non é só dos prefesionais”.
Protesta contra o colapso de Urxencias
Por outra banda, a Xunta de Persoal do Chuvi convocou mobilizacións este martes e o mércores no Meixoeiro e no Xeral para denunciar o colapso dos servizos de Urxencias. As concentracións terán lugar o martés ás 12.00 horas no Meixoeiro e o mércores ás 10.00 horas no Xeral baixo o lema “Contra a nefasta xestión do Sergas. Por unha atención digna e de calidade”.


Ningún comentario:

Publicar un comentario