martes, 17 de febreiro de 2015

O comité de Povisa mobilízase na Xunta en Vigo para reclamar que non se autorice o ERE e que o Sergas se implique no conflito.


Este mércores ten lugar a última xuntanza entre o persoal e a dirección do hospital antes de que o venres remate o período de consultas.

O comité de empresa do Hospital Povisa de Vigo desenvolveu unha protesta esta mañá diante da delegación da Xunta na cidade para reclamarlle ao Goberno galego que non autorice o Expediente de Regulación de Emprego extintivo que deixará na rúa a 56 persoas e que se implique no conflito laboral. Este mércores ten lugar a última xuntanza entre o persoal e a dirección do hospital antes de que o venres remate o período de consultas do ERE.
2015 02 17 ProtestaEREPovisaXuntaVigo01
A representación do cadro de persoal de Povisa concentrouse esta mañá de 10.00 a 12.00 horas ás portas do edificio da Xunta en Vigo para reclamarlle ao Goberno galego que non autorice o ERE extintivo que afectará a 56 persoas “porque a medida non está xustificada economicamente xa que a empresa obtivo beneficios nos últimos anos”.
A presidenta do comité, Chus Neira (CIG), reclamou a implicación do Goberno galego no conflito e criticou que a Consellería de Sanidade “continúe sen contactar con nós a pesar de que solicitamos unha entrevista hai xa 10 días”.
Ademais, lembrou que o propio concerto entre o hospital privado e o Sergas impide a subcontratación de servizos por parte da empresa sen a autorización da Administración pública, “polo que non sabemos que vai facer cos departamentos de limpeza e rehabilitación no caso de que despida a todos os traballadores/as como pretende”.
Ao mesmo tempo, Neira indicou que este martes terá lugar a última das xuntanzas entre a representación do persoal e a dirección antes de que o venres finalice o período de consultas do ERE, e está previsto que nesta reunión a empresa lles consteste ás propostas de recolocación do persoal achegadas polo comité.
Se este período remata sen acordo, a empresa terá 15 días para comunicarlle á autoridade laboral e ao comité a aplicación do ERE, aínda que podería facelo de xeito fraccionado até o remate do ano, decisión que a representación dos traballadores/as contestaría cunha demanda xudicial.


Ningún comentario:

Publicar un comentario