luns, 23 de febreiro de 2015

O comité de Povisa valora a retirada do ERE pero teme que a dirección intentará facer novos despedimentos.

A representación do persoal do hospital vigués cre que a empresa desistíu da medida porque o concerto co Sergas impide a subcontratación de servizos.

O comité de empresa do hospital Povisa de Vigo valora a retirada do ERE extintivo por parte da dirección, pero teme que a compañía intentará facer novos despedimentos porque se atopa inmersa nun proceso de “contención do gasto”. Consideran que a empresa desistíu da medida porque o concerto co Sergas impide a subcontratación de servizos.
2015 02 05 RoldaPrensaEREPovisa02
A representación do persoal considera que a dirección do centro médico vigués desistíu de aplicar a medida, que suporía o despedimento de 56 traballadores/as, porque o concerto co Sergas impide a subcontratación de servizos sen autorización expresa da Administración pública. Dende Povisa argumentaron a decisión nunha suposta falta de documentación económica. 
Neste senso, lembran que as rescisións de contrato previstas suporían a desaparición de varios servizos, que terían que ser subcontratados.
Ao mesmo tempo, o comité de Povisa rexeita tanto os despedimentos como os argumentos ofrecidos pola empresa, que esgrime previsión de perdas por baixada de actividade para xustificalos, “cando están a ampliar a zona de privados/as con 22 camas máis”.
O comité mantivo hoxe unha xuntanza coa subdirectora xeral da Consellería de Traballo en Santiago, reunión que fóra solicitada antes de coñecerse a retirada do ERE, na que abordaron a situación laboral na empresa. A responsábel autonómica comprometeuse a facer de interlocutora co Sergas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario