venres, 20 de marzo de 2015

Centos de delegados/as da CIG mobilízanse en Vigo contra os despidos en Povisa e a “actitude fascista” da dirección

A central denuncia que a Consellería de Saúde e o Sergas seguen sen intervir no conflito cando se cumpren 10 días da folga de fame
Centos de delegados/as da CIG de Vigo percorreron hoxe as rúas da cidade en manifestación para esixir a readmisión dos 13 traballadores/as despedidos/as en Povisa e rexeitar a “actitude fascista” da dirección do hospital. Dende a central denuncian que tanto a Consellería de Saúde como o Sergas seguen sen intervir no conflito laboral cando se cumpren 10 días da folga de fame.
2015 03 19 ManifaDelegadosCIGPovisa01
A marcha, na que se berraron consignas como “Povisa precariza, Sergas responsábel”, “Despedidos readmisión” ou “Non á represión en Povisa”, arrincou da Praza dos Cabalos ás 11.15 horas e rematou unha hora despois diante do edificio hospital vigués, na rúa Salamanca, onde se deu lectura a comunicado do comité de empresa.
Antes tomou a palabra o secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves, que estivo acompañado na faixa que abría a comitiva pola secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, ademais do responsábel comarcal da federación, Manuel G. Moreira, e membros do comité de empresa.
O acto pechouse coa intervención da presidenta do comité, María Xesús Neira, unha das persoas que iniciou a folga de fame contra os despidos e en defensa da calidade asistencial hai xa 10 días.
O representante do comité de empresa que deu lectura ao comunicado lembrou que unha medida tan drástica como a folga de fame non se adoptou unicamente polos 13 despedimentos, “senón que foi tamén para poñerlle freo a todas as medidas que a dirección está a aplicar dende hai máis de seis anos, e que inclúen 73 rescisións de contrato, reducións de xornada con coaccións, conxelación salarial, incumprimento de sentenzas e requerimentos da Inspección de Traballo, modificación das quendas, incumprimentos do convenio colectivo, etc”.
Asegurou tamén que esta situación non está a afectar só aos traballadores/as do centro médico, “senón que son os usuarios/as e pacientes os que padecen cada día as consecuencias da falta de persoal”. Tamén rexeitou as últimas afirmacións feitas pola empresa a través dos medios de comunicación e reiterou que seguirán a loitar en defensa do emprego, das condicións laborais e da calidade asistencial no hospital vigués.
Actitude fascista da dirección
Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, indicou que o motivo da mobilización, ademais de para reclamar a readmisión dos despedidos/as e solidarizarse coa folga de fame, “é tamén para enviarlle unha mensaxe clara e contundente á dirección da empresa”.
O responsábel sindical salientou a presenza de delegados/as de todas as federacións da central, “porque xuntos/as imos confrontar con firmeza a actitude fascista da dirección de Povisa; que saiba o seu propietario que o problema non o ten só cos compañeiros/as en folga de fame, cos 13 despedidos/as ou co comité de empresa; se non rectifica de maneira inmediata readmitindo o persoal despedido e abrindo a negociación para un novo convenio, en frente vai ter tamén toda a forza da CIG”.
Finalmente, instou á Xunta a intervir de xeito inmediato no conflito, obrigando á empresa a atender as lexítimas reivindicacións do comité para garantir o emprego e unha calidade asistencial digna.
O acto rematou coa intervención da presidenta do comité, María Xesús Neira, e unha das persoas que iniciaron a folga de fame hai xa 10 días, quen agradeceu a solidariedade e o apoio de todos os/as presentes e animou a seguir reivindicando e defendendo unhas condicións laborais “que son froito da loita dos nosos/as pais e nais e dos nosos/as avós e avoas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario