venres, 27 de marzo de 2015

Persoal de Povisa traslada ao exterior do Parlamento galego as protestas en defensa do emprego e da calidade asistencial

O secretario comarcal da CIG de Vigo entregou un escrito aos distintos grupos parlamentarios para que lle reclamen á Xunta que interveña no conflito
O cadro de persoal do hospital Povisa de Vigo trasladou hoxe ao exterior do Parlamento galego as mobilizacións en defensa do emprego e da calidade asistencial no centro médico. O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, fixo entrega dun escrito aos distintos grupos parlamentarios para que lle reclamen á Xunta que interveña no conflito e lle esixa á empresa o cumprimento do concerto co Sergas.
2015 03 25 ProtestaPovisaParlamentoGalego00
Arredor dun cento de persoas -entre representantes do comité de empresa, traballadores/as e membros da CIG de Vigo- participaron na concentración que se desenvolveu ás portas do Parlamento galego de 11.00 a 12.00 horas, onde despregaron unha faixa reclamando a readmisión dos empregados/as despedidos/as e berraron consignas como “Povisa culpábel, Sergas responsábel”, “Despedidos readmisión” ou “A culpa de quen e? do Goberno do PP!”.
O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, aproveitou a mobilización para facer entrega no Rexistro Xeral do Parlamento dun escrito dirixido aos catro grupos políticos con representación e ao grupo mixto. No acto de entrega estivo acompañado por un representante do comité de Povisa e pola secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín. No documento, o responsábel sindical insta aos grupos a reclamarlle á Xunta a que interveña no conflito e lle esixa á empresa que cumpra o concerto co Sergas.
Escrito dirixido aos grupos parlamentares do Parlamento de Galiza:
Como saben, no centro médico privado Povisa ten lugar arestora un importante conflito laboral. O mesmo ten sido provocado pola dirección da empresa ao proceder ao despedimento arbitrario de 13 traballadoras/es e impoñer unha nova modificación das condicións de traballo a unha parte do cadro de persoal. Despidos que foron anunciados poucos días despois de que a empresa desbotase promover un expediente de regulación de emprego co que pretendía a extinción de preto de 60 postos de traballo.
Malia as protestas do persoal, incluída unha folga de fame que se prolongou durante 16 días e que puxo en risco a saúde de dúas compañeiras e dous compañeiros, a empresa fica enrocada, negándose a reconsiderar as decisións adoptadas nin a iniciar o diálogo para a sinatura dun novo convenio colectivo. A dirección de Povisa volveu practicar neste conflito, como noutros anteriores, a represión e o amedrentamento do cadro de persoal, con comportamentos que mesmo se aproximaron a formas de tortura psicolóxica contra as folguistas de fame.
Povisa é unha empresa privada. Porén, a meirande parte dos seus ingresos proveñen do concerto especial asinado co Segas polo que asume a atención sanitaria de preto de 140.000 persoas da área sanitaria de Vigo. Un concerto que lle ten proporcionado importantes lucros, como visan os 11 millóns de euros de beneficio co que fechou o exercicio 2014. O concerto recentemente renovado garántelle ingresos de até 70 millóns de euros para os vindeiros dez anos. No momento da súa sinatura representantes da empresa e do propio Sergas aseguraron que o acordo garantiría a estabilidade do emprego.
Nada máis lonxe da realidade. Desde 2010 destruíronse 100 postos de traballo no hospital, logo de sucesivos despedimentos nos servizos de limpeza, arquivo, recepción e de persoal sanitario vencellado ao concerto co Sergas. Ademais un 45% do cadro de persoal viu reducida pola forza a súa xornada de traballo. Nesta circunstancia atópase, arestora, o 85% dos e das auxiliares de enfermería, con xornadas de entre 14 e 35h semanais, e o 72,5% dos e das celadoras.
Ao se tratar dun centro médico, estes recortes de persoal teñen un efecto directo na precarización da calidade asistencial que se presta á poboación. Así o testemuñan os milleiros de reclamacións formuladas nos últimos anos denunciando as consecuencias que para a atención sanitaria no hospital ten a política laboral desta empresa.
Tanto o Sergas, como a Xunta de Galiza e a Inspección de Traballo teñen reiterada constancia desta situación. Porén, non teñen adoptado ningunha medida efectiva para lle poñer solución. É incomprensíbel que nun hospital que atende poboación beneficiaria da sanidade pública o Sergas non esixa o mantemento das mesmas ratios persoal-doente que si se están a aplicar nos hospitais públicos da cidade, nin observe o debido respecto das condicións laborais. A supresión de postos de celadores e celadoras é apenas o último exemplo de até que punto se está a recortar en persoal e xa que logo en atención sanitaria en Povisa.
Diante desta situación, dende a Confederación Intersindical Galega dirixímonos aos grupos políticos con representación no Parlamento de Galiza, en tanto que máxima institucional do pobo galego, para que esta cámara se pronuncie sobre este conflito, no sentido de:
Urxir á Xunta de Galiza a intervir de maneira inmediata no conflito na liña de forzar á empresa Povisa a atender os xustos reclamos do comité de empresa, poñendo fin aos recortes e a garantir o persoal necesario para cumprir as ratios traballador-doente que permitan unha asistencia sanitaria de calidade e, desta maneira, dar cumprimento efectivo ás condicións fixadas polo vixente concerto especial e ao recollido no Acordo Básico pola Saúde na Área Sanitaria de Vigo, asinado en 2006.
No caso de que non se corrixir esta situación o Goberno galego deberá aplicar o réxime de sancións contra a empresa previsto no concerto subscrito entre o Sergas e Povisa, nomeadamente no referido ao grave incumprimento de “non dispoñer de medios materiais e humanos necesarios para a correcta prestación do servizo” (Capítulo X do Concerto, Estipulación Vixésimo Terceira).
        

Ningún comentario:

Publicar un comentario