mércores, 18 de marzo de 2015

Unha manifestación de delegados/as da CIG percorrerá as rúas de Vigo este xoves en solidariedade coa folga de fame en Povisa

O hospital foi rodeado por unha 'vixilia' reivindicativa e dous responsábeis comarcais da central pasaron noite xunto ás folguistas
As rúas de Vigo serán escenario este xoves dunha nova mobilización en solidariedade coa folga de fame en Povisa para rexeitar os despedimentos e en defensa da calidade asistencial, que nesta ocasión protagonizarán delegados/as da CIG. Onte tivo lugar unha 'vixilia' reivindicativa nos exteriores do centro médico, e ao seu remate dous responsábeis comarcais do sindicato pasaron a noite xunto ás folguistas.
2015 03 17 VixiliaFolgaFamePovisa01
A marcha de delegados e delegadas sindicais da central nacionalista partirá este xoves 19 da Praza dos Cabalos ás 11.00 horas e rematará diante das instalacións de Povisa, na rúa Salamanca.
A mobilización, convocada en solidariedade coa folga de fame iniciada o pasado martes 10 de marzo para rexeitar 13 despedimentos e en defensa da calidade asistencial, terá lugar despois da 'vixilia' reivindicativa que se desenvolveu a pasada noite ás portas do centro médico.
Na protesta tamén estiveron os secretarios comarcais da CIG e da federación de Saúde de Vigo, Alberto Gonçalves e Manuel G. Moreira, que unha vez rematada a mobilización dirixíronse ao interior do centro médico para pasar a noite xunto ás catro folguistas de fame e trasladarlles o apoio da central sindical.
Segundo denunciaron, a empresa continuou durante a noite coa presión sobre as folguistas, xa que cada media hora os gardas de seguridade pasaban polo lugar onde pernoctan e acendían as luces para impedir o seu descanso. Dende a CIG critican a actitude da dirección do hospital vigués, que deu orde por escrito para que se procedese deste xeito.
Ao mesmo tempo, trasladan a súa preocupación polo cada vez máis deteriorado estado de saúde das persoas que manteñen o xexún. “Comezan a amosar signos claros de afectación e atópansse moi cansas/os, con dores de cabeza e musculares”, indican.
Dende o comité de empresa de Povisa continúan a reclamar a retirada dos despedimentos como único xeito de poñer fin á protesta e esixen a intervención da Consellería de Saúde e do Sergas no conflito laboral

Ningún comentario:

Publicar un comentario