luns, 9 de marzo de 2015

Tres traballadoras/es de Povisa inician este martes unha folga de fame para esixir a readmisión de 13 compañeiros/as

Permanecerán sen comer de xeito indefinido até que o hospital vigués dea marcha aos despedimentos
Tres traballadoras/es do hospital Povisa de Vigo, entre elas/es a presidenta do comité de empresa, María Xesús Neira, da CIG, iniciarán ás 10.00 horas deste martes unha folga de fame indefinida para esixir a readmisión das 13 compañeiras/os que veñen de ser despedidas/as pola dirección. A protesta, que nun principio se desenvolverá no interior do centro médico, conta co apoio do conxunto do comité de empresa, con excepción de CCOO, o sindicato médico Omega e dous independentes.
2015 03 09 RoldaPrensaInicioFolgaFamePovisa
Segundo explicaron os representantes sindicais en rolda de prensa, a decisión foi adoptada tras o fracaso das últimas mobilizacións para rexeitar os despedimentos na empresa, froito do clima de persecución e acoso que exerce a dirección do centro médico sobre o persoal. “Sabemos que se trata dunha medida moi dura, pero é a única alternativa que nos queda para obrigar á empresa a retirar os despidos e a sentarse a negociar un novo convenio en base ao anterior, non establecendo diferenzas entre o persoal fixo e o de nova incorporación, tal e como pretende”, indicou Neira.
A folga de fame será de carácter indefinido e nela participarán nun primeiro momento, ademais da presidenta do comité, outra representante da CIG e un do SGPS. Está previsto que a partir do 16 de marzo, ao día seguinte de producirse a rescisión dos contratos, se sume á protesta un dos traballadores despedidos. Os sindicatos UGT e CGT, tamén presentes no comité, ofrecerán o seu apoio mentres dure unha mobilización na que non participan CCOO, o sindicato médico Omega e dous independentes.
A intención dos representantes sindicais é permanecer no interior das instalacións de Povisa durante a folga de fame, aínda que no caso de que sexan expulsados do edificio optarán por montar unha caravana ás portas do edificio da rúa Salamanca.
Dende o comité sinalan a responsabilidade no conflito laboral da Xunta do PP, da Xerencia do Sergas, da dirección da Povisa dos Xulgados e da Inspección de Traballo, “que non fan nada por que se cumpra o concerto entre a empresa e a Administración pública nin as sentenzas que lle dan a razón aos traballadores/as”. Denuncian que agora se permitan novos despidos e modificacións das condicións laborais, incumprindo a Lei da Sanidade Pública e o concerto, que establece que Povisa debe ter os mesmos estándares de calidade e iguais ratios de persoal, en definitiva, que os pacientes e usuarios/as deben de ter as mesmas condicións e atención que no Sergas, algo que non se dá porque se reduce persoal”.
Ameazas á presidenta do comité
Neste senso, advertiu que os traballadores/as de Povisa desenvolven o seu labor cunha precariedade cada vez maior. Así, lembrou que hai determinadas horas nas que practicamente se reduce á metade o número de técnicos/as en coidados auxiliares de enfermería (Tecae) e celadores/as e criticou que tras os despidos quedarán só 24 celadores/as para atender todo o centro médico. “No hospital Xeral, con só 50 camas máis, na quenda de noite traballan 16 celadores/as, na de tarde 24 e na de mañá 36, mentres que tras os despidos en Povisa na de noite haberá unicamente 2, mentres que na de tarde serán 6 e na de mañá 8”.
Ademais da folga de fame, o persoal do hospital ten convocada unha manifestación para este venres día 13 que partirá da Praza dos Cabalos ás 20.00 horas e rematará na Porta do Sol. Paralelamente, a representación sindical está a enviar cartas tanto aos traballadores/as como a pacientes e usuarios/as de Povisa para informar do conflito laboral e das consecuencias que a política de despedimentos da dirección está a afectar á calidade asistencial do centro médico. Neste senso, a presidenta do comité denunciou que está a ser ameazada pola empresa coa apertura dun expediente (que podería derivar no seu despedimento) por ter alertado da perda de calidade asistencial en Povisa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario