luns, 23 de marzo de 2015

Os traballadores/as de Povisa abandonan a folga de fame tras 14 días porque comezan a padecer problemas serios de saúde

O persoal do hospital vigués, que hoxe celebrou unha asemblea, anunciou que continuará coas mobilizacións en defensa do emprego e da calidade asistencial
Os traballadores/as de Povisa que mantiñan unha folga de fame dende o pasado 10 de marzo decidiron hoxe abandonar a protesta unha vez que comezan a padecer problemas serios de saúde. Con todo, o persoal do hospital vigués, que hoxe celebrou unha asemblea, anunciou que continuará coas mobilizacións en defensa do emprego e da calidade asistencial.
2015 03 23 FinFolgaFamePovisa01
Un dos folguistas xa tivo que deixar o xexún este sábado despois de que as analíticas de sangue e os controis de constantes revelasen a existencia de importantes problemas de saúde, polo que por precaución optouse por que abandonase a protesta.
As dúas traballadoras que canda el iniciaron a folga de fame -á que o pasado día 16 se sumou un dos celadores despedidos- continuaron até o día de hoxe, optando por deixala tamén para evitar posíbeis danos físicos. Non hai que esquecer que neste tempo os catro folguistas perderon de media máis de oito quilos de peso cada un deles/as.
Tanto o comité de empresa como o cadro de persoal que hoxe participou na asemblea que tivo lugar no salón de actos do centro médico levaban xa varios días solicitándolles que abandonaran unha protesta que ía camiño de afectar seriamente a súa saúde a causa da intransixencia e da actitude da dirección de Povisa, que mesmo deu orde ao persoal de seguridade para que impedise que os folguistas puidesen durmir acendendo a luz cada media hora polas noites.
A presidenta do comité de empresa -unha das persoas que se mantivo en folga de fame dende o inicio- tomou a palabra durante a asemblea para agradecer o apoio e a solidariedade amosada por boa parte dos traballadores/as do hospital e por unha ampla maioría de pacientes e usuarios/as. María Xesús Neira aproveitou para criticar tanto a actitude de Povisa, en particular do seu xefe de Persoal, como da Consellería de Sanidade e da Xunta, a cuxa delegada provincial acusou de facer “un paripé” ao anunciar que hoxe se manterá unha xuntanza con Povisa.
Continuarán coas mobilizacións
A representante sindical quixo deixar claro que a dirección da empresa continuará a despedir persoal e a empeorar as condicións laborais dos traballadores/a, polo que anunciou que dende o comité seguirán a promover a convocatoria de mobilizacións. A primeira delas terá lugar este mesmo martes diante do hospital a partir das 12.30 horas, onde se desenvolverá unha concentración de traballadores/as, pacientes e usuarios/as en defensa do emprego e da calidade asistencial.
“A xente ten que saber que Povisa é un bo hospital que conta cuns moi bos profesionais, pero pacientes e usuarios/as teñen que esixir que se cumpran os ratios de persoal e a calidade asistencial da sanidade pública e o concerto co Sergas, xa que non pode ser que durante determinadas horas non haxa determinado persoal para atender o centro”, indicou. Neste senso, denunciou que nin os quirófanos nin as plantas contan xa con celadores/as e criticou que se estea a contratar xa a Técnicos/as en Coidados Auxiliares de Enfermería (Tecae) homes para que desenvolvan as funcións dos celadores/as, entre elas o traslado de enfermos/as.
Ao mesmo tempo, Neira lembrou que a empresa non atravesa por problemas económicos -tal e como sosteñen dende a dirección para xustificar os últimos 13 despidos- e que continúa a recibir moitos millóns de euros das arcas públicas. Finalmente, sinalou que tras as última rescisións de contrato son xa 73 os traballadores/as despedidos/as de Povisa nos últimos seis anos.
Ao remate da asemblea, un grupo de empregados/as concentráronse ás portas do centro médico para amosarlles o seu apoio e solidariedade aos folguistas, que estiveron arroupados/as tamén por varios membros da Executiva Confederal da CIG, así como polos secretarios comarcais do sindicato e da federación de Saúde, Alberto Gonçalves e Manuel G. Moreira

Ningún comentario:

Publicar un comentario